jueves, 15 de noviembre de 2007

Beiras, en estado puro

BEIRAS, EN ESTADO PURO

Nestas vacacións, a beira do mar da ría de Noia, debaixo dun piñeiro, lin, ós poucos, con espírito crítico, o libro de Beiras: “De nunca máis a máis alá”. Trátase dunha serie de artigos publicados con anterioridade en “Galicia Hoxe”, escritos nun galego que non respecta ás veces a normas da R.A.G. (cousa que eu non critico), onde a expresión verbal é, case sempre, nas formas nominais do infinitivo, moi propio do autor e da forza política a que pertence. O lelo, sentía a curiosidade de comprobar se o pensamento político e social do autor evolucionara cos anos. Ao final, a miña conclusión é que segue nas mesmas. A autocrítica non existe, pois non é propia dun personaxe coma el. O mundo que observa e critica o señor Beiras está dividido en dúas partes, a dos bos e a dos malos. Estes últimos están representados polo Imperio (EE.UU.) e os estados europeos practicantes de políticas neo-liberais, que están a transformar o “Estado social” en “Estado penal” (páxinas 45/47); neste grupo, España, está representada por Atila (Franco) e Aznar e seu aznarismo. Os outros, os bos, son os del, é dicir, tódolos demais, os asoballados, incluídos os de Oriente Medio (agás Israel, claro está). Ningunha crítica para as desfeitas ocasionadas polo comunismo e o marxismo, nin tampouco para o islamismo radical. As guerras --malas todas, digo eu— só son as provocadas polo Imperio. As desenvolvidas en África e Camboia, xenocidas, por poñer algúns exemplos, non existen para o señor Beiras. ¿Son patriotas ou resistentes os responsables de coches bombas no Iraq, que mataron, e seguen, a miles de xentes do pobo, ou son asasinos? Para min non hai dúbida.

Nin hai nos artigos ningunha crítica para o acontecido en España no século XX, como por exemplo o sucedido durante a II República, gobernada --é un dicir— polo Fronte Popular, desencadéante da Guerra Civil. Só a irrupción de “Atila” e o que veu despois. Nin hai mención algunha sobre o acaecido durante os gobernos de Felipe González, nin o actual de J. R. Zapatero, do que se deduce a súa conformidade con eles. A culpa da desfeita actual do Estado das Autonomías --segundo Beiras-- tivérona os constituíntes , mediatizados pola forzas do mal (franquistas, dereita ultraliberal, grupos económicos, Igrexa, etcétera). As fontes nas que bebe o señor Beiras, son as que coinciden parcial ou totalmente co seu propio pensamento (Otto Bauer, Scaccia, Pinter, Camus, Orwell, Ramonet, Chao... e moitos outros con citas no libro. O pensamento contrario non existe (a mesma separación entre bos e malos). Cando fala de termo “nación” e da lingua, a teima do noso vello profesor, esquécese de citar a Risco, que algo ten que ver co nacionalismo galego, inda que o silencien pola súa aceptación do réxime franquista.

Tampouco hai ningún comentario sobre os días da crise do “Prestige”, momentos en que as forzas da esquerda, sindicatos e a plataforma “Nunca Máis”, intentaron derrubar ao Goberno de Fraga e, o mesmo tempo, erosionar ao Goberno Aznar, como primeiro intento para botar do poder ao “PP”. Nesas manifestacións, orquestradas pola Plataforma, eran cabezas visibles eses dous corvos literarios, que son Manuel Rivas e Suso de Toro, a modo do corvo agoireiro do poema de Poe (The Raven), que ao final da conversa sempre lle respondía ao desesperado amante: “¡Nevermore! (Nunca máis!). Tomaron os da Plataforma o seu nome deste poema?. Daquela o señor Beiras era Portavoz do BNG no Parlamento e presentou unha moción de censura contra o Goberno Fraga.
Hai algún artigo que a min me parece delirante e demagóxico, por exemplo o xa citado sobre o Estado social. Os máis políticos son aqueles que desenvolven o tema estatutario e constitucional, cheos de conceptos de dereito político, constitucional e administrativo, nunha linguaxe propias dalgúns profesores universitarios que escriben para eles mesmos, sen ter en conta aos lectores de varia formación. A “xerga”, nun estilo enmarañado, incomodará (o verbo debía ser outro) a máis de un, con posibles abandonos entremedio da singradura. Outros, coma o titulado “Celtiberia –Show” (páxina 23) é ruín e arrepía a comparanza que fai do asasinato de Aldo Moro, polas Brigadas Vermellas, e o de Miguel Anxo Blanco por parte de ETA (culpando a Aznar pola negativa a negociar coa banda terrorista). Esquécese o señor Beiras dos secuestros de persoas por parte de ETA, durante os gobernos de Felipe González, despois asasinadas, sen que este se puxera de xeonllos diante dos asasinos. Laméntase das caricaturas de Mahoma, pero non di nada das ofensas a Xesucristo no noso país.

Hai moitos capítulos adicados ó Estatuto galego, tamén bastante complicados de ler, onde fai un resumo do conquerido pola nosa Autonomía, moi criticado polo autor. O modelo do novo Estatuto galego é o catalán, nos que fai propostas difíciles de conseguir, tendo en conta o mundo político e social no que estamos mergullados. Ó final, o obxectivo do noso nacionalista, o resumo, é a última frase dos versos de Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro, que cita: ¡Máis alá!. Ou sexa, a independencia. Pero nada nos di se, de conseguirse, se o novo Estado, nación xa é, da súa integración na Unión Europea, a das políticas neo-liberais, ou se sería un estado socialista doutro modelo (cubano ou venezolano?). A cuestión queda no aire.

Penso que o señor Beiras, sen pensalo, definiuse ben --dígoo con todo o respecto—na cita que fai dunha estampa de Castelao: “Dille o can o raposo: --Domestícate hom, verás que vida tan regalada. Respóndelle o raposo: -Eu non che nacín pra can.” O señor Beiras non naceu para ser domesticado: ¡éche Beiras en estado puro! A el gústalle que lle chamen “irmandiño”, pero se nacera no século XV, eu non o vexo vivindo nunha choupana, senón nun pazo feudal, posiblemente como conselleiro de Pedro Madruga negociando co Rei de Portugal a unión con Galicia. É unha opinión.

Inda que esta crítica política, parcial por razón de espazo, posiblemente severa en demasía, pero sen acritude e respectuosa coa persoa, eu recomendaríalle ás xentes a lectura do libro, val a pena, especialmente para os do “PP” (que forman parte, como non, do “eixo do mal” definido polo señor Beiras), e despois, poñeríalles como penitencia que se fixeran monxes trapistas. Inda así, dubido que recibiran o perdón do señor Beiras e compañía. Como a min este home cáeme ben, recomendaríalle a lectura de dous libros publicados ultimamente: “Los desheredados”, do historiador inglés, Henry Kamen, e “Una rabieta infantil”, do filósofo francés, André Glucksmann, inda que penso que nas súas lecturas tamén é excluinte.
Afonso de Laxes Santiago, 01.08.07
Escribidor de ficcións

1 comentario:

www.afonsodelaxes.blogspot.com dijo...

La irrupción de nuevo en las elecciones gallegas del 21.10.2012, de D. José Manuel Beiras, después de su separación del "BNG", fundando "ANOVA" y aliándose con "Izquierda Unida", me ha llevado a publicar de nuevo este artículo (4uPress), con una introducción. Si consigue el esc año de la provincia de La Coruña, volverá nuestro Parlamento gallego a tener viveza. Oír y ver a este hombre de nuevo, será todo un espectáculo.