viernes, 6 de enero de 2012

A VELOCIDADE DA LUZ

A VELOCIDADE DA LUZ

Como nesta sección de “Cartas ao Director” (El Correo Gallego), a maioría das que se publican son de queixas e lamentacións, xa que un non pode escribir dos políticos o que merecen, incluídas as ocorrencias do señor Quíntana, nin meterse na forma axeitada ao caso cos “popes” e ilustrados da cultura galega, seguramente por iso que a xornalista Carmen Rigalt definiu como “a censura dos anunciantes”, pensei en seguir falándolles de meu amigo Manoliño “o tolo intermitente”, ese prexubilado metido a astrónomo autodidacta, do que xa teñen noticia polos seus proxectos para eliminar o CO2 da atmosfera. (E.C.G.28.06.07).

O certo é que este home ten instalado o seu telescopio e outras cousas máis na palleira da súa casa da aldea, a “palleira astronómica”, como lle gusta chamala. Na última visita que lle fixen hai dous días, veume ao lonxe e botou man dun libro, que comezou a abanealo coma se fora unha bandeira de sinais marítimas. A cousa non era para menos, pois tratábase de “Máis rápido que la velocidad de la luz”, do que é autor un veciño ibérico, o portugués de Évora, Joao Maqueijo, cosmógrafo formado en universidades británicas, no que arrisca a teoría de que a velocidade da luz, foi e puido ser variable en determinados momentos do nacemento de Universo, superando os 300.000 quilómetros/segundo (variable speed light). A manifestación de meu amigo foi clara: “Xa cho dicía eu, este home está no meu camiño, e se logra que se demostre o que agora e só teoría, a lei da relatividade e outras leis da Física, iranse ó carallo!” (Textual e sen perdón).

Engadiu a continuación --sempre seguindo ao portugués-- que se iso fose realidade, revolucionaría a ciencia reducionista, pois esa verdade inmutable : “A materia nin se crea nin se destrúe, senón que se transforma”, xa non sería válida, pois a materia podería crearse e destruírse. Pero inda máis, xa saben vostedes que hai dúas concepcións de Universo, para uns é “cerrado” e, para outros, é “inflacionario ou aberto”. Einstein e moitos outros defenderon a limitación do Universo, ata que as observacións de Hubble, botaron por terra a teoría do “universo cerrado”. Pero el ten a súa propia teoría, faloume algo que eu non entendín moi ben, xa que son lego nestas cuestións e en moitas outras. Segundo el, dentro desa planitude inmensa, inconmensurable, denominada Universo, poden existir varios universos, a modo de cintas sinfín, que se entrecruzan a distintos niveis, e por iso os astrónomos observan as galaxias fuxindo cada vez a máis velocidade, dentro dese tecido misterioso que lle chaman “materia escura” . Pero a cousa non rematou aí, pois logo tocoulle a quenda a “teoría das cordas” (outra explicación do Universo), e aquí xa me perdín, pois eu as únicas cordas que coñezo son as usadas por campesiños e mariñeiros, e as dos instrumentos musicais.

Terei que falar de novo co meu amigo Manoliño, pois nos últimos tempos estase a falar moito do “LHC”, do inglés “Large Hadrón Collider”, dedicado a búsqueda de partículas subatómicas, que o CERN construíu entre Francia e Suíza, despois duns experimentos con neutrinos que, parece ser, viaxaron a mais velocidade cá luz. El sempre afirmou que o Einstein, o que lle puxo unha sinal de limitación de velocidade as viaxes polo Universo, estaba nun erro. Segundo el, todo o que pode pensar ou cavilar o home, é realizable. Xa estou a adiviñar as súas palabras: “Se me fixeran caso, ese bosón de Higgs --esa partícula subatómica, chamada a “partícula de Deus”-- xa estaría descuberta, pero para iso non poden estar a ser condicionados polo Einstein ese.”

José Gómez Blanco Santiago, 06.01.2012