jueves, 26 de febrero de 2015

EN LEMBRANZA DE MANUEL ORESTE RODRIGUEZ LÓPEZ

Onte,  13 de febreiro do 2015, cumpriuse o 25º aniversario do pasamento do amigo Manolo,  do que quero facer unha lembranza,  especialmente dos anos que coincidimos en Barcelona.  Naqueles anos,  1974-1979,  traballaba eu no Banco Pastor,  na Oficina situada na Diagonal,  case fronte á  Rambla de Cataluña.   Moitos galegos residentes na cidade fixéronse clientes de “o noso Banco”,  como lle chamabamos os empregados a nosa empresa,  hoxe en mans alleas. Un destes clientes foi Manolo e a súa dona,  Irene.  Moi pronto collemos relación,  que despois se transformou nunha amizade sincera das dúas familias,  a  del e a miña.
Cando un está fóra da terra,  séntese máis galego.  Será pola morriña que nos invade?  Será porque dende fora dámoslle o aprecio que merece a Terra Nai?   O certo é que por alí pasaron moitos galegos e galegas,  a notábaselle en eles que aquela oficina bancaria era algo máis ca un banco. ¡Era un cacho de Galicia! Alí tamén coñecín a Paco Tamara,  que fora batería da Orquestra Tamara.  Cando entraba pola porta,  facíao dicindo en voz alta:  ¡País,  país…!   Nunha das cartas manuscritas  de Manolo,  que están publicadas na páxina Web (www.manuelrodriguezlopez.org/es), que recolle toda a súa obra,  fálame del. Era un personaxe singular,  amigo dos amigos. Pero tamén coñecín a Pucho Boedo,  Blanco Campaña… Conto isto polo sentimento que nos invade aos galegos cando estamos lonxe da terra e alegría de escoitar a nosa fala.
Pero naquela época houbo unha crise,  orixinada no ano 1973 coa chamada “Guerra do Petróleo”,   que foi o parón para a economía de moitos países,  entre eles,  España,  que estaba en pleno desenvolvemento económico.  Iso orixinou cerres de empresas,  despidos colectivos,  mingua do poder adquisitivo,  etc.   E iso afectou o amigo Manolo,  que perdeu o seu emprego, que xa non puido recuperar,  pero que estimulou a súa creación literaria e  periodística.  A súa dedicación ao Centro Galego de Barcelona e outros da provincia,  asociacións culturais, colaboracións en xornais,  etc.,  foi plena.  Eu asistín con el  a presentacións de libros e a actos sociais.  Pero cando volveu a Galicia,  tampouco tivo moita axuda para reorientar a súa vida laboral.  Gracias a súa muller,  Irene,  da que sempre tivo o seu apoio,   e a os seus fillos,  Enrique e Santiago,  o home puido seguir desenrolando a súa verdadeira vocación:  a de escritor,  a do “poeta obreiro”.  Tamén e certo que estivo rodeado ou estimado por grandes amigos,  entre eles,  Xulio Xiz,  que coidou da difusión da súa obra --coa decisiva recolleita de documentación e clasificación feita polo seu fillo Santiago--  e da creación da páxina Web.  Deste home xa lle tiña oído falar a Manolo na época barcelonesa,   pero no coñecín ata anos despois,  o  igual que ó actual Alcalde de Paradela. Dous grandes amigos,  entre outros,  de Manolo.
Cando ó comezo deste escrito falo do “pasamento do amigo”,  é intencionadamente,   pois nós,  os galegos,  e así como intelixentemente lle chamamos a “morte”,  o paso ao remate da vida corporal a outro estadio que non se sabe ben como é,  onde está.  Pero o certo é que cremos noutra vida,   da que era crinte o amigo Manolo.  ¿Quen sabe se iso que pesa 21 gramos,  como sostén o grande director de cine mexicano,  González Iñárritu,  non leva consigo algunha nanomateria distintiva e algún día,  co avance das novas tecnoloxías,  poidan ser localizables as almas nalgún lugar do inmenso Universo?
Eu non son quen para xulgar a súa obra literaria.  Iso déixoo para os especialistas literarios. Pero si quero falar dun dos seus traballos como tradutor,  falo da súa tradución da obra de Frei Xacinto Verdaguer,  “A Atlántida”  ao galego,  publicada despois de morrer, con prólogo do que era Conselleiro de Cultura (1994),  D. Victor Manuel Vázquez Portomeñe,  gran parlamentario.  Agora que andamos en loitas sobre a nosa fala, se temos máis o menos falantes ca en outras épocas,  eu lle recomendaría aos profesores de galego, da Ensinanza Primaria e do Bacharelato, que lle recomendaran ou obrigaran aos seus alumnos a ler esta obra traducida,   en un galego precioso,  gracias ao coñecemento que tiña Manolo da lingua catalana e da nosa fala,  e o cariño  que puxo na súa tradución.  E xa que falo disto, fago miña aquí a proposta que no seu día fixo “GALICIA DIXITAL”  a  RAG,  para que o “Días das Letras Galegas” deste ou do vindeiro ano,  sexa dedicado a  Manuel Rodríguez López,  o “poeta obreiro”,  que ben merecido o ten.  Iso será factible se os nosos académicos se deixan de discriminar segundo a ideoloxía ou simpatías políticas dos seleccionados.  A RAG no está para iso,  senón para valorar méritos das persoas que destacan e destacaron no noso país,  Galiza.  Manolo Oreste Rodríguez López foi un deles. ¡É un dos nosos! 
Santiago, 14 de febreiro do 2015-02-16

José Gómez Blanco.
Se publicará en “GALICIA DIXITAL”
-----------------------------------------------------------------------
A Atlántida,  de Jacinto Verdaguer
Traducción:  Manuel Rodríguez López
Edición:  Xunta de Galicia. Dirección General de Cultura
1994.

-------------------