jueves, 1 de octubre de 2015

A   ENTRONIZACIÓN  POLITICA DA PALABRA “BOSTEIRA”

Bosteira é unha palabra,  un substantivo,  do noso idioma galego,  derivada de “bosta”,  que se pode consultar no dicionario da RAE, no Xerais, ou no “Dicionario de Dicionarios”,  obra dirixida por Antón Santamarina,   pero tamén é recoñecida con outros nomes,  como son:  boñiga, buleira, bostárega, bula, moñiga,  e  máis,  como é propio da  riqueza expresiva do noso idioma.

A “bosteira” non é,  nin máis nin menos,  que os excrementos do ganado vacún que,  cando se produce a deposición do animal,  ó  caer dende a altura dun metro,  máis ou menos, queda no chan como se fora unha torta.   As bosteiras teñen varias aplicacións ou utilidades.  A primeira delas,  é servir de abono para as plantacións agrícolas;   mesturada con cinza, facendo unha masa,  servíanse dela  os nosos campesiños para alisar un terreo nivelado,  para despois  utilizalo para a malla do centeo ou trigo,  cando isto facíase de forma artesanal.  Tamén,  coa mesma composición,  servía  para selar os fornos nas aldeas,  despois de quentalo con leña,  para cocer o pan de millo ou centeo.    Non hai moito lin que os indios que habitaban nos territorios arredor dos Grandes Lagos,  en Norteamérica e Canadá,   utilizaban as bosteiras dos búfalos,  despois de secalas,  para se quentar no inverno,  pois ardían de forma moi lenta.

Pero a palabriña tamén ten un sentido figurado,  pois as nosas xentes botaban man dela cando unha persoa dicía cousas que ofendían  gravemente ou maltrataba de palabra as crenzas relixiosas ou referíase a Deus.  A réplica era contundente: ¡Vouche meter unha bosteira na boca!,  ¡Mételle unha bosteira na boca a ese malfalado!

Penso que nos tempos actuais tamén ten a súa aplicación a “bosteira”,  cada vez máis.  Hai veces que as intervencións dalgúns políticos nas institucións representativas:  Congreso,  Senado,  Parlamentos autonómicos,  son de tal baixeza ou insultantes,  que ben merecían unha réplica meténdolle nas súas bocas tan saboroso manxar,  en sentido figurado,  claro está.   Pero non só se libran determinados políticos de merecer unha “bosteirada”,  xa que en moitos programas de debate na televisión –especialmente en dous ou tres canles, coñecidos de todos--   na que participan determinados periodistas habituais --que non son outra cousa que “todólogos”,  como os definiu hai algún tempo o noso escritor Alfredo Conde--  dinse cousas,  fanse afirmacións  propias de ignorantes ou mandados,  e no terreo político os ataques van encamiñados nos tempos actuais a enzafallar a imaxe do Partido Popular e o seu Goberno,  merecedores de críticas,  sen dúbida,  como é propio na política,   pero co monotema da corrupción pásanse moitas leguas,  mentres silencian ou  disimulan dalgunha maneira as de outros Partidos,  e se isto sucede,  xa contan coas indulxencias por parte desta caterva de todólogos.   En moitos deles e delas, obsérvase un compoñente de odio non desprezable, que os levarían a morder os seus contrarios se puideran.    Pois a estas xentes  --nada obxectiva--  eu tamén lles metería una “bosteira” figurada na boca.  Téñeno ben merecido.
De forma explícita,  condeno a corrupción,  veña de onde veña,   pero pídolles aos xornalistas e todólogos que sexan obxectivos nas informacións e opinións que poñen de manifesto.  Ben o merecen os están na política para servir, que son moitos. Só así  avanzaremos na eliminación desa lacra que invade a nosa vida social, económica e política.
06.08.2015        José Gómez Blanco

Publicado en “El Correo Gallego”,   fecha 08.08.2015,  página 53.